Sunday 28 de April de 2024

Inés Rey visita o set de ‘Hasta el cielo’, serie rodada en diversas localizacións da cidade e que se estreará en Netflix o próximo ano


A produción, co selo da firma coruñesa Vaca Films e protagonizada por Luis Tosar, rodouse en espazos como a Terceira Rolda, o barrio dos Mallos e os polígonos de Agrela e Pocomaco

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou hoxe a rodaxe da serie ‘Hasta el cielo’, continuación da historia da película homónima, rodaxe que se leva a cabo na cidade desde o día 4 de abril.

Como na longametraxe, á fronte da dirección da serie está Daniel Calparsoro —’Salto al vacío’, ‘Cien años de perdón’— e Jorge Guerricaechevarría —’Quien a hierro mata’, ‘Celda 211’— asina o guión desta produción de Vaca Films para a plataforma Netflix, que plasma a vida dunha banda de ladróns enfrontada ás autoridades de varios países.

A visita de Inés Rey tivo lugar esta tarde no set de rodaxe situado no edificio de Demarcación de Estradas do Estado na Coruña. Da man de Emma Lustres, produtora da serie, a alcaldesa coñeceu polo miúdo os detalles da produción e conversou co director, Daniel Calparsoro, así como cos actores protagonistas Luis Tosar, Asia Ortega, Patricia Vico, Fernando Cayo e Tomás del Estal.

A serie ‘Hasta el cielo’ está composta por sete capítulos de aproximadamente 50 minutos. Desde o pasado 13 de febreiro, a rodaxe levouse a cabo en numerosas localizacións do globo: en Galicia (A Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo), París, Madrid, Algarve e Lisboa e, proximamente, Nixeria.

No caso da Coruña, a cidade ten especial relevancia como escenario, dada a presenza de lugares como os polígonos de Agrela e Pocomaco, a Fábrica de Armas, a Universidade da Coruña, o barrio dos Mallos, o hotel Hilton e a Terceira Rolda, onde se rodou unha espectacular persecución de camións.